O feminismo está de moda. Os feminismos están de moda. É así.
Nunca escoitei falar tanto de/ contra de/ nos medios maioritarios. Series, películas, anuncios, noticias, columnas de opinión, músicas, decláranse feministas ou botan pestes contra todo isto. A revolución dos xéneros e o debate está nas rúas.
Pode que como moda haxa quen pense que pasará sen pegada. Eu véxoo máis como unha oportunidade. Para normalizar unha forma de cuestionar o “normal”. Para ser quen queiras ser. Para que as referencias feministas na filosofía, no dereito e na cultura sexan incluídas de verdade no relato da nosa construción democrática.
Para que rindamos contas co que feminismo leva facendo por nós desde as trincheras desde hai tanto e tanto tempo.
Eu, como ilusionada pesimista, síntome como quen sae do armario, pode por fin dicilo sen a mirada circunspecta de turno, pero ve como no espazo público (e no whatsapp) as cousas cambian tan tan tan lentamente. 💜 #RevoluciónVioleta
Estiven, no tempo que o traballo mo permitía, na Xornada Feminista organizada pola Plataforma Feminista de Lugo no Museo Provincial de Lugo. Abría o programa un obradoiro non mixto, “Desmontando os mitos do amor romántico”, impartido por Jennifer Santin Vivero (traballadora social especializada en xénero e feminismos) ata a hora do xantar compartido. Debate, conversas, humor, escoitarse e falar. Seguían os xogos como o trivial feminista (moi duro, escoitei) e finalizaba a tarde a conferencia “A revolución das crianzas trans” de Cristina Palacios, presidenta de Arelas, asociación de familias de menores Trans*.
“O primeiro dereito é o dereito de ser”





