V Congreso Xéneros, Museos, Arte e Educación

Scroll down to content

Presentouse no Museo Provincial de Lugo a quinta edición deste Congreso que terá lugar nos museos da Rede os días 15, 16 e 17 de marzo de 2018. A deputada Pilar García Porto, afirmou que representa o “compromiso do Executivo Provincial por unha Deputación social e coas persoas, unha institución sensibilizada e apegada ás inquedanzas culturais da provincia”.

25 participantes, especialistas da investigación, a museoloxía e a educación artística se dan cita para expoñer as súas propostas nunhas xornadas avaladad polo ICOM España.

En continuación á liña de programacións anteriores, o congreso está aberto á comunicación de experiencias e boas prácticas no que respecta aos seus eixos centrais. Durante estes días nos interrrelacionaremos con colectivos como ACADAR (Mónica Álvarez e Nerea Rodríguez), a Asociación Penitenciaria Concepción Arenal (Victor Fraga, Concepción San Fiz e Paula Fraga), o Museo La Tertulia de Cali (Ana Lucía Llano Domínguez), o Museo Diocesano da Catedral de Lugo (Carola Casal), a Fundación Jiménez-Arellano Alonso (Amelia Aguado), a Área de Educación do Museo Thyssen Bornemisza (EducaThyssen, Luz Elena Carvajal),  o departamento de didáctica do Museo Oteiza (Aitziber Urtasun), o Observatorio da Mariña pola Igualdade (Lucia Canoura Sánchez), a Liga Internacional das Mulles pola Paz e Liberdade (WILPF, Concha Gaudó).

Non podo deixar de nomear ao resto de persoas, referentes da actualidade cultural contemporánea, que se darán cita nos museos de Lugo:

  • Xestoras e críticas culturais: Semiramis González, Ania González, Paula Cabaleiro, Fátima Anllo Vento  e Anxela Caramés.
  • Docentes: Marián López Fernández-Cao, Aurora Marco e Estella Freire.
  • Museólogxs como Aida Recheña, Teresa Veiga Furtado e Juan G. Sandoval.
  • Investigadoras en feminismos:  Micaela Fernández Darriba.
  • Educadoras como Candela Rajal e Aitziber Urtasun

Haberá un espazo para a presentación do proxecto Eu… Ti… Elas… Nosoutras… Nosoutrxs en Rede a cargo de Carmen Chacón. María Xosé Domínguez, Mónica Alonso, Ana DMatos, Basilisa Fiestras, Mery Pais, Luz Darriba, Carmen POrteiro, Rubén Pérez Pombo, Tamara Wassaf, WILPF Liga internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade.

Hai moitos temas e proxectos interesantes que xorden nunha primeira visual do programa: museoloxía social de xénero, o activismo feminista nas artes visuais (MAV), as historias das mulleres na Galiza, das migracións e en África, as prácticas de resistencia, a apropiación dos espazos, a arte como ferramenta de cambio, a necesidade de construír repositorios da arte feminista e dos xéneros, os proxectos museísticos de xénero.

No Congreso, en palabras da xerente Encarna Lago, “trátase de sacar conclusións e que estas sexan repensadas polo que que se poderán presentar comunicacións unha vez rematado o encontro”. A cita está avalada polo ICOM, e o seu presidente, Luís Grau, realizará a clausura do mesmo o 17 de marzo.

O aforo está limitado a 50 prazas. A inscrición é gratuita e poderá realizarse a partir do 26 de febreiro no enlace ao congreso que se inscribe na web redemuseisticalugo.org

Moi recomendable seguir a través das redes sociais este V Congreso Xéneros, Museos, Arte e Educación, Facebook e Twitter.