O raio que non cesa é unha acción de Luz Darriba sobre a fachada da Deputación de Lugo para o Día contra a Violencia de Xénero, dentro da programación da Rede Museística Provincial. 40 prendas brancas en homenaxe ás 40 mulleres asasinadas pola violencia de xénero (na conta do 24 de novembro).
Roupa branca para visualizar as ausencias, para reclamar as ilusións perdidas.
Fixemos unha convocatoria pública solicitando prendas que serían colocadas nas ventás do edificio. Este é o cartaz que deseñei como reclamo.
.
Realizamos a instalación o día 24 de novembro co inestimable traballo de Manuel e Matías da Rede Museística. Agradecemos a tods aquls que nos prestaron a súa roupa para facelo posible.
O resultado é espectacular, sobrecolledor e ainda máis de noite.
Luz Darriba, artista multidisplinar nada en Uruguai e formada en Arxentina, herdeira da diáspora galega en América Latina, ten realizado máis de 250 exposicións e outras tantas instalacións. Creadora de macroproxectos como Cumulum, promotores da Declaración de Patrimonio Universal da Muralla de Lugo, á que rodearon con 60.000 libros, acción realizada tamén en Alcalá de Henares. Outros proxectos: “Las mujeres tomamos las calles”, “Libres avec des livres”, etc. Máis info
A violencia contra as mulleres no canto de diminuír na nosa sociedade vai en aumento. É unha afirmación xurdida das noticias que un día si e o outro tamén nos espertan cunha nova vítima. Unha vida que se trunca, que desaparece deixando outras vidas desfeitas, polo desgraciado feito de ter nacido muller. A primeira causa de morte de mulleres en todo o mundo. Fronte a iso, que merece toda a nosa atención e compromiso coma grupo humano, semella que imos perdendo sensibilidade, conciencia, interese, na medida que medran os asasinatos.
Coma artista que vén traballando dende hai décadas dende a súa barricada contra esta lacra, quero propoñervos unha acción que ten por obxectivo pegar nesas conciencias adormecidas. Para parar o raio que non cesa.
En que consiste esta acción?
A proposta é revelar a ausencia. Clamar polo que non está. Polo que inxusta e absurdamente non está.
Reclamar por esas ausencias que se producen ano a ano. Moitas, cada vez más.
A roupa branca de mulleres pendurando da maior altura posíbel quere ser unha homenaxe ás ilusións, aos soños, aos desexos de máis de mil mulleres asasinadas polas súas parellas, exparellas, e todo tipo de relacións afectivas.
A idea é colgar na Praza do Pazo de San Marcos unha cantidade de prendas brancas de mulleres correspondente ao número de mulleres asasinadas no que vai de ano. O que queremos: berrar por esas ausencias.
Esa era a idea primitiva, a falta de elementos (grúa, seguros) para colgar dos cables fíxome pensar noutra posibilidade que consiste en colocar unha prenda branca en cada unha das ventás do edificio.
Necesitamos (prestadas) unas corenta prendas brancas de muller. Valen saias, pantalóns, blusas, camisetas … etc.
Luz Darriba