O 17 de novembro participei nesta VI Xornada de Mediación e Xestión Cultural, organizada pola Facultade de Humanidades da USC e a Asociación Galega de Profesionais na Xestión Cultural (AGPXC), que quixo darlle unha volta de torca máis a este programa.
Asístín en varias ocasións a este encontro, unhas veces co fin de escoitar experiencias motivadoras e outras, tamén para coñecer e saudar as persoas coas que tivera xa un trato dixital. E, en calquera caso, para sentir o pulso e inquedanzas do público, na súa maioría alumnado do Grao de Ciencias da Cultura e do Máster de Servizos Culturais.
Neste edición, tocábame a min estar deste lado da mesa, e como ben me explicou Fátima Teixeiro, coordinadora da xornada, a intención era ofrecer unha visión práctica e real ao auditorio.
Decidín pois, utilizar a miña vida profesional como fío da narración: con diferentes situacións nas que che podes atopar e ir así tirando á luz as ferramenta utilizadas para seguir adiante. Sen triunfalismos nin derrotismos, e sempre avogando polo ACTIVISMO CULTURAL.
De aí o nome do relatorio Traballar en Cultura: Manual de uso.
Moi interesante escoitar e tomar nota de Gloria Cruz Amil, técnica de Orientación e Inserción Laboral, do Campus de Lugo, do proxecto de posta en valor das artes e produtos do mar na península do Barbanza con Carlos Rodríguez Muñiz de in9eventos e da exitosa, e non por iso menos azarosa, iniciativa do Festival Sinsal da man de Julio Gómez.
Alberto Boiro e Diego Parajó (AGPXC) dinami(t)zaron a tarde con dinámicas de traballo de xestión cultural.
Moitas grazas e parabéns pola xornada a Fátima Teixeiro, a Gonzalo Fernández, á decana Maribbel González Rey e á vicerreitora Carme Silva.